UNHA FAMILIA DE MARAGATOS NO VALADOURO

Por Isaac Ferreira (Isaac Pérez Blanco)

Isaac Ferreira

 

A familia Miranda Mendaña-Luengo Alonso (catro xeracións de Mirandas nos finais do século XIX e comezos do XX), procedente das terras leonesas da maragatería, estableceuse en Ferreira (Santa María), de O Valadouro, na Mariña Central.

Un matrimonio procedente das terras leonesas da maragatería: José Miranda Mendaña, casado con Concepción Luengo Alonso. Viñan coa filla máis vella, María Miranda Luengo, que casaría en Ferreira. Tiveron domicilio na Praza de Santa María de Ferreira, no actual núm. 5 (hoxe propiedade de ABANCA), mentres non facían a casa da Avda. de Viveiro, núm 4, onde rexentaron un comercio de ultramarinos. José e Concepción tiveron tres fillos:

1ª. María Miranda Luengo (naceu en terras de León).
2º. Ventura Miranda Luengo (naceu en Ferreira en 1908). (1)
3ª. Elisa Miranda Luengo (finou sendo moza en Ferreira).

A primeira filla: María Miranda Luengo casou con José Hermida (O Roxo ou O Roxo de Benitas), comerciante. Rexentaban un estabelecemento de ultramarinos no Parque Concepción Arenal, núm. 8, da vila de Ferreira. María e José tiveron dous fillos:

1. Maruja Hermida Miranda (nacida en Ferreira), casada con José Vizoso (Pepe do Currán), mestre. Tiveron dous fillos: José Ramón e Antonio. (2)
2. José Hermida Miranda, casou con Esperanza Castro Acevedo. Sen fillos

O segundo fillo: Ventura Miranda Luengo naceu en Ferreira no ano 1908 e casou con Aurelia Pardeiro González (mestra); tiveron 5 fillos: Elisa, José Ricardo (Tete), Aurelia (Lela), Domingo e Xabier. Moraban na casa que construíran os pais de María e Ventura, en Ferreira, no barrio da Ponte, na Avenida de Viveiro, núm. 4, onde Ventura continuou rexentando o comercio de ultramarinos paterno ademais dun surtidor de gasolina e o cine de Ferreira, este último negocio cos fillos de súa irmá María.

A casa onde naceu Ventura Miranda Luengo (A Casa do Cuartel Vello, 1885-2022) era, e aínda é, coñecida como O Cuartel Vello. Construída en 1885 por Xosé María Balseiro Carracedo (3), primeiro foi mesón e despois cuartel da Garda Civil, de aí o nome polo que aínda a coñecen as persoas maiores. Situada na actual Avenida de Viveiro, núm. 5.

O Salón Cinema (1947-1949), o cine de Ferreira, estaba situado na Avda. de Viveiro, 11, Ferreira.

No ano 1947, sendo alcalde Manuel Lorenzo González-Seco (1941-1958), solicitouse a construción do edificio do cine, que se inaugurou no ano 1949 co nome de Salón Cinema. Na Casa do Concello do Valadouro existen documentos do proxecto e mais do permiso. (4) 

Arquitecto: Alfredo Vila López. Estudou na Escuela de Arquitectura de Madrid, onde coincidiu cos membros da chamada Xeración do 25.
Alfredo Vila deseñou, entre outros:
o edificio do Gran Teatro (Lugo, 1932-1995),
o cine Colón (Ribadeo, 1949-anos 70), con motivos Art Déco,
o cine Capitol (Melide),
o Salón Cinema (Ferreira, 1945-1979),
o Fraternal e o Capitol (Monforte de Lemos).
O cine Colón de Ribadeo e o Salón Cinema de Ferreira teñen un enorme parecido.

Salón Cinema

Edificio del antiguo Salón Cinema

O arquitecto, falecido en 1954, estivo casado con Gloria Montero Losada, coa que tivo sete fillos: Alfredo [Vilita, futbolista], Luis, María Gloria, José Manuel, Miguel, Ana María e Margarita. (5)

O Salón Cinema estaba gobernado por Ventura Miranda Luengo, que se encargaba dos rolos de filme e da súa proxección na pantalla; e polos seus sobriños Maruja Hermida Miranda, que facía un pouco de todo, e seu irmán José Hermida Miranda, que se encargaba do ambigú e de que existise orde no patio de butacas. Para a venda e recollida de entradas estaban, habitualmente, os fillos máis vellos de Ventura e Aurelia: Elisa e José Ricardo (Tete); ás veces tamén a seguinte irmá, Lela, cando andaba por Ferreira, que xa era unha mulleriña.

Os fillos de María Miranda Luengo faleceron.

Os cinco fillos de seu irmán Ventura Miranda Luengo viven todos e todos están casados, agás Lela que é viúva; e todos eles visitan, como mínimo con frecuencia anual, a súa vila natal de Ferreira. Os que residen máis lonxe achéganse no verán e pasan unha boa tempada na casa que construíron os avós José Miranda Mendaña e Concepción Luengo Alonso na hoxe Avenida de Viveiro, núm. 4.

Teñen descendencia, co que constitúen a 4ª xeración de Mirandas no Valadouro.

(Recompilación: Isaac Ferreira, xaneiro de 2022)

(1) Ventura Miranda Luengo naceu en Ferreira no ano 1908, no barrio da Ponte, na casa  de Amelia e Horacia [A Casa do Cuartel Vello]. Informante: Xabier Miranda Pardeiro, o fillo máis novo de Ventura, Facebook, Messenguer, 21.01.2022.

(2)  Informante: Suso Rubio, Facebook, Messeguer, 23.01.2022.

(3) Escritura de contrato, 1884. Informante: Xoán Prudencio Orol Campo, actual propietario (en 2014), falecido poucos anos despois desta información, concretamente o 4 de xullo de 2018. Nesta casa tivera mesón o seu primeiro propietario, Xosé María Balseiro Carracedo (Froilán), que casara con Manuela Moscoso Salcedo, de Forxán ou de Vilaxuane (Foz). Xosé María Balseiro e Manuela Moscoso eran os pais de Consuelo Balseiro Moscoso, casada con Juan Orol Maseda [pai biolóxico, sendo solteiro, do director, artista e produtor de cinema radicado en México Juan Orol], e avós, en total, de 16 irmáns produto do matrimonio de Juan e Consuelo: Xosé Manuel (o máis vello, 1895), Celsa (1896), Prudencio, María de los Ángeles, Raimundo, Arturo, Amelia (1905), Consuelo, Horacia (1909), Alfonso, Silvino, Adolfo, Armando, Isabelita, Pilar, e outro máis falecido en días. NOTA: De todos estes irmáns, Celsa Orol Balseiro viña sendo a avoa materna de quen isto recompila (IF, 2014-2022). 

(4)  Un dos socios do Salón Cinema era Ventura Miranda Luengo, pai do noso informante, Domingo Miranda Pardeiro, 10.09.2013. O edificio continúa en pé e está en venda (IF, 10.07.2016).

(5) En “Ribadeo e o cine: Alfredo Vila. Arquitecto do Colón”.

 

Otras Publicaciones

El Progreso, 07/02/2022 - Un Maragato polo Valadouro de 1802

https://maragatosdelugo.org/sites/default/files/inline-images/20220207-elprogreso.jpg