DA PRESENZA DE MARAGATOS NA MARIÑA
Por Xoan Ramón Fernández Pacios (Cronista oficial de Foz)
O día 15 de agosto de 1965, o xornal El Progreso sacaba á luz unha entrevista con Francisco García González, un mariñeiro de 85 anos que estivera 73 embarcado. A charla con este vello lobo de mar versaba sobre como cambiaran as condicións no mundo do mar. Case que ao final da entrevista dinos “había más pesca, pero no era productivo dedicarse a ella. Parte de la misma la llevaban en sus carros los maragatos, en banastas”.
A que se refire? Quenes eran os maragatos e de onde procedían? Seguían vindo os maragatos con viño para vender e levando a sardiña cara o interior?
A Maragatería é unha comarca do centro de León, na que confluían as vías de comunicación que enlazaban a Meseta e os pasos de montaña que daban acceso a Galicia e os seus portos. Por esta condición os seus habitantes dedicáranse dende tempo inmemorial ao comercio de produtos entre o interior peninsular e o litoral, neste caso, o galego. O seu nome deriva do latín “mercator”, mercador, comerciante; de aí ven o nome de maragato.
Empregaban para este comercio os carros, en terras chairas, ou as recuas de bestas cando o relevo se volvía abrupto, coma no caso de Galicia, Asturias, Cantabria, País Vasco, etc. Pero a chegada do Ferrocarril a Castela dende os portos da Coruña ou Vigo a finais do século XIX, rematou, en xeral, co seu tradicional modo de comerciar.
Na época da que nos fala Francisco, finais do século XIX, probablemente quedase algún caso puntual de maragatos chegando a Viveiro a mercar sardiña e vender viño, sempre e cando esta última actividade lle fose moi rendible. Os maragatos xa non viñan a esta zona a buscala sardiña porque aquí había moito tempo que a salgada era levada en barco ata a Coruña e despois, en tren, ata Castela. Outra maneira que tiñamos de exportar a sardiña era por barco ata o Levante peninsular dende Viveiro. Dende ese porto, como exemplo do dito, saía o 16 de outubro de 1892, “el vapor Anselmo, con las siguientes pipas de sardina prensada: para Cartagena 10; para Alicante 23; para Valencia 7; para Tarragona 24 y para Barcelona 33”. Previamente, ata 1850, os destinos, case que nun 90%, por vía marítima do peixe salgado da Mariña e Ortegal eran as costas cantábricas españolas de Asturias, a Montaña Cántabra e os portos vascos.
Con estes cambios, introducidos polo tren, os maragatos reorientaron o seu comercio, xa non lles facía falla vir á costa porque agora recibían a sardiña nas estacións de ferrocarril e levábana a vender ata poboacións a onde non chegara este.
Maragato, por Gustavo Doré
Mais existiu unha época na que todo o peixe salgado de Viveiro, e do Cantábrico en xeral, era introducido no interior lugués e na Meseta grazas ao comercio que realizaban os maragatos. Tal era o volume do tráfico comercial que saía de Viveiro cara Mondoñedo, e dende esta capital cara a meseta, que ese camiño foi bautizado con nome de “camino de los puertos de Castilla”; aló polo ano 1546, ou antes. Nese ano a cidade de Mondoñedo remitía á tesourería real un escrito, nel, solicitábanse cartos para o arranxos de pontes e camiños. Un destes camiños unía a cidade de Viveiro con Castela, pasando por Mondoñedo: “que por el camyno que ba desta ciudad para la villa de Vibero y para los puertos de mar; junto a San Laçaro atrabiessa y pasa otro rio grande y pasa atrabesando el dicho camyno rreal que biene de los dichos puertos para la dicha ciudad y pasa para los reynos de Castilla y es uno de los camynos mas publicos y nezesarios que biene a dicha ciudad y por donde se pasan los arrieros que bienen de los dichos puertos para Castilla con pescados y otros mercaderes con ganados”.
A ruta dos maragatos, polo menos a de retorno a Castela, comezaba nos portos coa merca de peixe, fresco e salgado, para ir vendendo o primeiro polo camiño, tanto á catedral mindoniense como a mosteiros (Lourenzá, Meira ou Penamaior, na provincia de Lugo) e o segundo nas feiras, como a de Medina de Rioseco, entre outras.
Os maragatos traían, para vender na Mariña e facer rendible a súa viaxe, viño, panos, bacallau e as, aínda hoxe en día famosas, mantas. Leal Bóveda, na súa tese doutoral, alude a “un rico comercio de liño de Castela que chega por terra, ata os anos 70 (refírese a 1770), a lombos de recuas de bestas de arrieiros e maragatos, porque a produción local no é suficiente”. Tal era o volume deste comercio que no Catastro de Ensenada (1752-53) aparecen persoas cuxo emprego era alugar mulas aos maragatos para o transporte de mercadorías. En Celeiro, por exemplo, existían comerciantes, tamén moi relacionados co gremio de pescadores, como os Orjales, que alugaban as súas bestas para o transporte de peixe ou outros xéneros ó interior provincial e peninsular, segundo nos indica Leal Bóveda.
Os peixes que levaban eran: sardiña, ben en fresco ou tratada (salgada, deshidratada ou afumada); o congro “curado”(secado), do que o de Burela era o que tiña unha maior fama. Cornide Saavedra, na segunda metade do século XVIII, dinos que era “el más delicado de la costa gallega”. Aparte do congro e sardiña tamén se comerciaba con pescada, abadexo ou melga, todos estes salgados.
Mais a chegada masiva de maragatos a estas costas tamén ten aspectos negativos. Estes mercaban todo o peixe que se traía á praia, incluso cun prezo pactado con anterioridade, previo regateo cos pescadores, polo que tamén recibían o nome de regatones, segundo se indica nos libros de Propios do concello de Viveiro. Toda esta compra masiva provocaba que os habitantes dos portos, os que non eran mariñeiros, se quedasen sen peixe co que poder alimentarse. Así vemos como en 1697 os mareantes de Viveiro denunciaban aos de Celeiro polo emprego de artes de pesca prohibidas así como tamén por que “los mareantes del dicho puerto de Cillero, el pescado que traen, lo benden a arrieros forasteros y que no lo traen a la plaça de dicha villa se no es quanto no allan arrieros a quien venderlo”. Esta compra masiva incrementaba o prezo do peixe restante, aquel de maior tamaño, no que estaba especializado Celeiro, feito que provocaba que os veciños de portos, a onde acudían os maragatos, tivesen serias dificultades para comprar peixe para comer.
Ademais de acaparar todo o produto da pesca, os maragatos non pagaban impostos. Os mariñeiros estaban obrigados a pagar impostos municipais, señoriais, e á igrexa pola descarga e venda do peixe, mais os maragatos eludían as cargas impositivas municipais mediante a compra xa pactada, deixando esta obriga en mans dos mariñeiros. Por esta razón o gremio de mariñeiros de Cariño, en 1640, esixía que “de aqui en adelante el pescado que bendieren a las pesonas de fuera de la jurisdiccion u de ella, que se hubiere de sacar para fuera, de que se deba pagar el dicho derecho a los fieles”; noutras palabras, que os impostos son algo que debemos de pagar todos, ben sexas do lugar ou de fóra.
Pero a pesar de todos os pesares o comercio que levaban a cabo os maragatos era moi importante e produtivo.
Tanto era así, que moitos veciños dos portos galegos decidiron embarcarse neste negocio. En Celeiro, en 1761, aparecían varias persoas, tanto homes como mulleres, dedicándose á venda de peixe fresco. Pensamos que son peixeiros e peixeiras; mais tamén aparece María Clara Fernández, á que lle regulaban 50 reais “por el trato que tiene en pescado fresco y salado”. Como verdadeiros tratantes de peixe salgado están: Gregorio Frade, ao que lle regulaban 350 reais polo seu oficio de “tratante en pescado con dos caballerias maiores, que utiliza todo el año, no tiene otro oficio”; a Xosé Candia, cunha cabalería maior, tan só lle regulaban oitenta reais. Para Foz, tamén en 1761, temos a Francisco López Reboullo, un mariñeiro, que aparte de exercer ese oficio tiña a profesión de “arriero y tratante de sardina y otros pescados”; Tomás Blanco, fidalgo de 60 anos, que aparte de vivir de rendas (que non serían moitas) exercía como tratante de potes, caldeiras e bacallao.
O comercio de viños que traían os maragatos (ben do Bierzo ou da zona do Ribeiro) era tamén moi produtivo, tanto que animou a comerciantes da zona a especializarse nel. Así vemos como en Mondoñedo ( o 4 de maio de 1751) vivía en Viloalle “Pedro de San Miguel, alias Valderia, arriero que trafica con doce machos por todos los Riveros, traiendo de ellos vino”, ou o caso dos irmáns Pedro e Antón Carballés, comerciantes e membros destacados do gremio de pescadores de Celeiro, que en 1800 posuían unha recua de cabalarías co fin de ir buscar viños do Ribeiro para vender en Viveiro e Celeiro, tal e como documenta Leal Bóveda na súa tese doutoral.
Queda moito por dicir da presenza e do negocio dos maragatos nesta Mariña, pero iso, iso, amigos e amigas, é outra historia.