Baldomero Iglesias Dobarrio

Músico e escritor

Nas alforxas da memoria

A Lugo chegaban moitas xentes de fóra ou do arredor, coñecíanse xa polo acento e polo porte, pola súa actividade novidosa. Aquela xente periodicamente que viña co mel da Alcarria, e berraban polas rúas “Miel de la Alcarria” e vendían aqueles botes de barro cubertos cun pano branco. Viñan outros, coido romaneses, coas cabras e tocando a trompeta, outros de Castela co organillo, eran cantigas españolas e chotis, viña nun carro tirado por un burro e alí onde había xente, paraban, calzaban o carro e daban voltas ao veo do instrumento, con aqueles selectores de pezas instrumentais onde uns pulsadores rozaban os puntos -notas- da melodía escollida, mentres pedían entre a vontade unhas moedas. Traían melodías de moda naquel tempo, do pasado recente, que aínda sonan na reserva das memorias, nos ecos das rúas do centro e tamén nos arrabaldes. Houbo tamén compañías de teatro que actuaban xenerosamente na Estrada da Coruña, nun local baleiro que fora almacén. Poñían bancos corridos e cobraban pouco por ver as súas obras e facían desconto ás familias. Canto con eles soñei! Cantas noites de primavera e de verán, mirando coma pampo aquelas escenas da ficción ilusionada. Aqueles traxes, aquelas expresións, aqueles modos, ...Cantos mundos me abriron para os soños! Canto habería que agradecer a súa intervención nas nosas vidas.  Outros eran de cerca, viñan do arredor e vendían “barquillos” de mel, nos recreos do instituto, ou aqueloutros que nas festas, entre a xente, vendían os saborosísimos pirulís de la Habana, “Al rico pirulí de la Habana, que se come e se compra sen gana”.
 
Ben mirado, daqueles tempos quedou tamén un relato íntimos, non só de feitos e sucesos tamén de agradecida memoria, e quizais haxa ou debamos relatalo. Ese relato pode vir da man dos edificios e recantos que habitan a lembranza desde sempre, desde a existencia dos tempos. Son lugares que sen ser emblemáticas construcións pasan a ser pezas fundamentais do noso pasado, das nosas vivencias, daquel aire en atmosferas, cálido, do que un día foi dentro das nosas pequenas vidas, o máis importante acontecer das follas dun calendario que se foron perdendo entre outonos, mentres outros perfilaron contornos en sabías melodías de poesía e soños.

Do meu Lugo da infancia gardo algunhas evocacións enormes
que aínda hoxe perduran, e de alí veñen vindo debulladas,
en forma de imaxes amareladas polo tempo, ou polos recendos
...aquel chocolate en Santo Domingo, onda a parada dos buses;
ou o pan das panadarías do fondo da mesma praza citada,
os pasteis e as empanadas, os bares, O Calvo, Castroblanco,
Castroverde, con aquelas xenerosas tapas, e os cines, O Central,
o Kursal, o cine Paz, o Cine España, O Gran Teatro, O Vitoria,
Abastos, na propia Praza coas esencias sublimes e alimentarias
e as imaxes evocadoras da abundancia da auga, hoxe perdidas
das xenerosas fontes que enchían de música e agasallo as sedes e os ollos.
Todas as prazas e as rúas da cidade, aloumiñaban xenerosas augas
luces de fresquío e brillos que enchían o aire de grilandas.
E sobre todo lembro aquela paisaxe, xeografía doméstica e humana  
do sosego en formas de labor, das tendas de arranxos e roupa remendada,
de medias, de reparación de apeiros, dos carboeiros, carteiros, pinches,
repartidores de a pé, en bici, os serenos que na noite nos gardaban  
e atendían as incidencias da nocturnidade que puidesen dar molestias
en tempos de calar na noite, nos tempos da noite calada.
Lembro tantas imaxes e emocións antigas, de cando neno, a rapazada!
Gárdoas no álbum das notas que soan por simpatía en resonancias,
compracidas na prestancia dos afectos, na inmaterialidade que se garda.
Xa desde as primeiras, nada mais chegado da orixe, da procedencia
e do berce arrolado sobre soños, naquela miña luz dourada de Vilalba,
que estaba case ao lado, mais nunha moi longa andaina
pola estrada inmensa e preto da suposta enorme distancia
que en soños, só en soños navegaba.
Alá quedaba a nacente paisaxe e o aloumiño, nos confíns da miña xente,
en plena Chaira,
onde estaba o lugar da luz dos amenceres tan lembrados, luz esclarecedora da fonda voz
aquela da fiel palabra, para sempre alá quedaba, para regresar mil veces, ao meu fogar, a Vilalba.

Viñemos con moi poucos anos a entrañable cidade amurallada estudar á capital para ser alguén no día que o mañá me aventuraba. Vivín nun principio na Mosqueira ao lado mesmo da Porta Toledana, chamada tamén de San Pedro.  Porta de escudo, no século 3 datada, onde precisamente está mellor gardada e aínda garda as galerías que quedan, para recreo dos ollos e admirala. Era Lugo un fervedoiro de recendos, de xentes, de ansias e de fames,  de ganas de saír daquela foxa escura, daqueles tempos grises. Tendas de roupa, de calzado, os primeiros automóbiles de madeira retocados, os aigas americanos, gardas de tráfico, O Bargueiras, facendo fluír á xente e o tráfico, aínda precario, entre mil filigranas. Tendas de remendo ás tantas necesidades, mentres agardaba tanto porvir que aínda non chegaba.

Tenda

 

Tendas de ultramarinos, pan, chocolate, a praza, as feiras, os mercados, no campo da feira aínda os cegos cantaban, o cárcere, os fielatos, festas e romarías.

Tamén lembro aquela tenda maragata                     
das poucas que resisten a través dos anos
que prevalece en pé de honra e dignidade
gardando as esencias das vellas alpargatas,
das cordas e cestos, esparto, cáñamo,
do liño, das barricas e apeiros de labranza,
botas de pisar o viño, buzos, metros
e moreas de apeiros, adivais, corda trenzada,
tapóns, arames e cintos, ferros e cravos
de todas cores e medidas, colocados por tallas
tantas cousas e obxectos por imaxinar
e de loros temoeiros, xugos e aguilladas,
para servizo e asistencia do traballo e da casa,  
bridas, adornos, cestería ornamentada
garrafóns, xerras, cuncas e garrafas,
coiros, queixos curados, fustas e calladas,
cortizas, imaxes eternas en recendos namoradas
que tamén co tempo voan e nunha brisa se marchan.
E a memoria garda aquilo que evocamos
entre sombras, suspiros metidos nas caixas.

Había mil misterios tecidos á perfección artesá das mans que todo tecían no esforzo, e por detrás daquel mostrador de madeira, tan longo e cheo de maxia, don Tomás Pérez Carro e Dona Dolores. E unha morea de fillos, dura andaina: tres homes e dúas mulleres, José, Andrés e Vicente, tamén Lolita e Carme, esta última, que aínda segue a darlle pulo ao singular negocio, coa súa maxia maragata! Muller das cordeeiras, entendida e experta, e de toda unha sorte de elementos imprescindibles para abraiarnos hoxe coa súa carga histórica. Aquel lugar é un museo, un templo sagrado que aínda hoxe garda milleiros de historias que deberan ser de agasallo do coñecemento.

Alí había de todo, todo canto imaxinaras, botas de viño, botas de calzado, gomas para protexer os paraugas, botas de augas, de pesca, ...mil causas para a circunstancia que propiciara a súa necesidade. Un matrimonio, cinco fillos, tres irmáns e dúas irmás, negocio en planta baixa, nunha boa edificación que aínda hoxe admirada.
  
Cento corenta anos e aí están eles, os maragatos Viñeran de lonxe, das terras de León, Astorga, Castrillo de los Polvazares, Santiago Millas Quintanilla e Valdespino dos Polvazares, mercadores dos tempos, arrieiros que negociaban o pescado salgado desde Galicia (MAR) a Madrid (GATOS) do mar aos gatos, reducido en “mar-a-gatos”. Os apelidos Nistal, por Rábade, Ribadeo, Vilalba, Lugo, As Pontes, A Coruña. Somoza (nome da terra da que procedían, único pobo que lle dá nome á terra de procedencia co monte Teleno como referencia e mítico lugar) deu lugar aos Somoza, aos Quintanillas, aos Salvadores, aos De la Fuente, aos Alonso, aos Criado de Baamonde, aos Espina, Os Carro, os Seco de Vilalba, os Pollán de Cospeito, os Lozano de Castro. Eran de cultura arraigada e algo introvertida, que chegaba case a unha certa endogamia, anque sendo nómades errantes foron mesturándose e perdendo aquelas pechadas formas pouco expresivas e negociadoras, con gran cultura culinaria e estratexias especiais de comercio moi notables.
    
Como arrieiros transportaban de todo mesmo chegaron a ser grandes entendidos en viños, aceites, e multitude de necesarios condimentos para variar os sabores da vida... gozaban de grande reputación e eran normalmente serios e, en moitos casos, pasaron a ser seres singulares e queridos e apreciados, anque algo careiros de prezo.

Os maragatos instaláronse e quedaron con nós, a proba, na cidade de Lugo, hoxe, é a tenda da Rúa de San Pedro, atendida por Carmen, Mari Carmen Pérez-Carro García, maragata en honra e orgullo que preferiu a tenda a exercer de avogada  ou de mestra. Preferiu o contacto coa xente e  dar continuidade aos 150 anos que nos miran na rúa San Pedro, mantendo a tradición, con exemplo e dignidade.  Non todos poden contalo! Unha tenda maragata no número 66 de San Pedro, chegando mesmo á muralla.